Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

A SANTA COMPAÑA

Nun camiño de San Martiño de Tabeaio. Carral (A Coruña)

A Santa Compaña

Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir, sen se deporcatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.

Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de pocas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampocuco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é ber para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.

O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa COmpaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga benta e mais o heizope. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo porse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un defunto.

Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.

O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o porlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga benta e máis o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, e pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de po-la noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose pouco a pouco.

 

 

A SANTA COMPAÑA

CARRÉ ALVARELLOS, Lois. Contos populates da Galiza, Museu de Etnografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto,Portugal