Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

O encanto do Castro Maior

San Pedro de Vizoño. Abegondo (A Coruña)

Castro Maior

No Castro Maior hai unha cova que está chea de auga que sae por unha mina debaixo da terra e fai logo un regacho, e cóntase desa cova que garda un "encanto" con tesouros.

Unha vez, houbo un home arriscado que matinou entrar na cova para lle roubar os tesouros e, de cavila-lo, meteuse para dentro. Pouco andara e viu no escuro dous castróns grandísimos a se empastaren.

— ¡Corcio!, se non vos chego ver ¡íache apañar boa! —e como era home de moito callo, agardou plantado e cando os castrón cearon para se empastaren de novo, vai el e, dun pulo, pasouse para a outra banda.

— ¡Oeeef! —alentou, e botouse andar de novo. Era cada vez máis escuro, coidaba pasado o perigo, mais empoiso, como percatado que era, puña moitos moito tino e andaba a modo. Daquela oíu máis adiante bater dúas cousas con estrondo e, a forza de pescudar, reparou con pasmo como, pendrado de un fío, un pé de muíño de moitas arroas subía e baixaba ó se envolver a liña nun carrete ou largar desenvolta.

O pasmo do destemido durou pouco e, cando o pé de muíño subiu, foise e fixo como antes fixera, deu un brinco e caiu do outro lado.

— ¿Aínda quedarán novos traballos? —resmugoy, e foi aínda con máis modo. De socato, viu unha luz na parede, quíxolle botar man e pillou o ar: a luz non estaba alí. O andamio tiña unha volta que acababa de pasar e seguí moito máis. El quixo comprender de contado, era no cabo onde estaba a luz e seguiu o camiñar ata chegar a unha grande cámara. Alí víase coma fóra cando loce o sol e reparou nun velliño caviloso sentado nunha mesa de por fronte de tres montillóns lucentes que era o que alumeaba o lugar. Tóda-las moreas eran dungrandor; a máis lucente era de onzas de ouro de moito brillar; a que tiña de par era de pesos de prata, xa non daba tanta luz; e a outra non eran máis que cartos e ichavos, ruín cousa e, de ser soa pouco luciría no escuro.

De principio, o home quedou sorprendido:

— Se levara todo —cavilou— ¡ninguén tería máis catos do ca min!

E, coa mesma, saudou ó vello: había de se poñer a ben se el era o dono, máis o vello non lle dixo cousa. Daquela non volveu dar gala e brincou na morea das onzas de ouro; encheu os petos, encheu o chapeu acugulado, amarrou as mangas da chaqueta e tamén encheu nelas como saquetes. Despois meteu onzas na faixa, meteu tamén cantas puido po-la camisa e na morea nin se notaba, aquel era moito ben de Deus. E tocou a andar para voltar axiña por máis.

Aínda non virara do todo para sair cando morreu a luz e a máis moura escuridade encheu o espacio. ¿Como saír daquela a pasar onda o pé de muíño sen que o esmagase? ¿Ou entre os carneiros sen que ó se empastaren o pillaran no medio?

O home cavilou e dixo:

— ¿Será por mor do ouro? Deixarémo-lo quedar, xa outro día virei, leveos a prata.

E volveu as onzas á morea. De camiño que ía botando as presas nela, a luz que era como a do día, alumeaba de novo como un alborexar ¡e outra vez a lucir tanta riqueza!

Cargouse logo de pesos de prata, como antes fixera coas onzas de ouro, mais, cando xa se dispoñía saír, volveu tamén como antes a se facer noite pecha. Deixou os pesos con fonda dor e tomou das máis ruíns moedas, porque, como era listo, non se deixaba gañar po-la cobiza e cavilou que aónda non levando máis cousa que daquela morea, agardáballe un folgado pasar. ¡Ai!, mais non contaba con non poder saír e percatouse daquela que o mellor era conservar a vida e, deixando os tesouros, foise. Cando chegou fóra, volveu cavilar, mais agora quixo comprendero fácil que semella o conseguírense as ilusións e o caro que custa de as acadar, aínda que pouco a pouco se vaian empequenando.




CARRÉ ALVARELLOS, Lois. Contos populares da Galiza, Museu de Etnografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal