A cóbrega do encanto
San Vicente de Vigo. Carral (A Coruña)
Cóntase que unha vez un mozo, que andaba nun prado na beira do
río, viu chegar un mouro e una rapaza guapísima, e aquel mouro seica era un
xenio. O mozo agachouse, chegou pé deles sen que o visen, ó tempo que o encanto,
despois de falar nunha fala estraña dixo:
— O que te desencantar
tres bicos tenche que dar
E coa mesma desapareceron mouro e muller por riba do río, mesmamente coma se fose a brétema que varre o ar.
O rapaz, curioso de seu, foise ó día seguinte de amañecida ó mesmo sitio. Agardou á beira do río, nun claro entre as ramalleiras, mirándose no buligar das augas.
Ó pouco de chegar, oiu un asubío po-lo medio do río: cando mirou papou máis medo que na vida. Por riba do río viña a cóbrega máis grande que ninguén vira nunca . Avanzaba por riba da auga coa cabeza ergueita, fitando para o rapaz e botando un ferrete grande como un dedo.
O mozo tiña o medo metido no corpo, mais aguantou mentres a cóbrega se achegaba. Cando a tiña de frente, tiroulle un bico e a serpe fuxiu coma un lóstrego. Outra vez voltou o reptil e otra vez fuxiu ó recibir un bico. Chegouse a cóbrega unha terceira vez xunto do mozo, quen lle deu otro bico máis. Nese mesmo intre, a serpe perdeu a súa forma e recuperou a da belida moza, que rompeu a chorar nos brazos do rapaz.
Contan por Carral, que o mozo e a rapaza casaron en fóronse vivir ás terras dela co tesouro do xenio.
CARRÉ ALVARELLOS, Lois. Contos populates da Galiza, Museu de Etonografía
e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal