Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

A PONTE SOBRE O RÍO EUME A AS SÚAS LENDAS

Pontedeume (A Coruña)

O concello de Pontedeume (provincia da Coruña) está situado á beira meridional da ría do seu nome, que tamén é chamada Ares e está formada polo río Eume; na outra beira da mesma ría atópase o municipio de Cabanas. Ten un pouco máis de 9.100 habitantes.

Da época prerromana consérvanse só vestixios dalgúns castros, coma o que existiu na punta Carboeira e o de Centroña. Este último tamén foi habitado polos romanos. No ano 1959, descubriuse unha mansión romana que estaba invadida polas mareas. Os seus mosaicos e outros obxectos están expostos no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, na Coruña.

Asóciase a identificación de Pontedeume coa cidade de Pontumio(nome co que se designa á batalla na que Froila derrotou a Omar, apartando definitivamente ós mouros de Galicia).

Pontedeume No ano 1270 Afonso X 'O Sabio' concédelles ós veciños da comarca a autorización para construír unha cidade no lugar de Ponte do Eume. A mediados do século XVI unha herdeira dos Andrade casou con Pedro de Castro e desa maneira, quedaron unidas esta poderosa casa galega co señorío dos Andrade.

O desprazamento do señorío cara a familias alleas a Pontedeume e os incendios devastadores contribuiron ó decaemento da vila ó longo do tempo.

A vila de Pontedeume conserva un primitivo núcleo de construccións interesantes, de castelos e capelas antigas.

Os monumentos máis destacados son: o pazo do Conde do que só se conserva a torre, a igrexa parroquial de Santiago, construída no século XVI (no seu interior atópase o sepulcro de Fernando de Andrade, un dos máis destacados políticos e militares da España do XVI), o Castelo de Andrade, que se alza a máis de 300 mts sobre o val de Pontedeume e que foi construído por Fernán Pérez de Andrade en terras que eran propiedade dos monxes de Sobrado.

Dicíase que existía un pasadizo secreto, o cal saía por algún lugar dos arredores e que se comunicaba co pazo dos condes de Pontedeume.

Pontedeume

TORRE DOS ANDRADE

E outra construcción moi destacada de Pontedeume é a "ponte" que lle dá nome á vila. Foi o viaducto máis importante de Galicia e o máis longo de España ata a época moderna. Tivo varias reformas e transformacións ata na actualidade. Hoxe en día ten 15 arcos de medio punto, pero nun principio tiña 79. Mais existen lendas en torno a súa construcción.

LENDAS DA CONSTRUCCIÓN DA PONTE SOBRE O RÍO EUME

O símbolo da "ponte" na cultura occidental marca a "transición entre dous mundos". A etimoloxía da palabra "pontífice"("pontifex") supón a idea de "quen constrúe unha ponte", en xeral referido ó outro mundo, á outra beira, é dicir á morte. demo, chamado Lucifer (de "lux" e "ferre" : o que leva a luz) se o ten tamén como constructor de pontes , usurpando as funcións do pontífice (representante da divindade). E na cultura galega existen varias lendas que falan do "diaño" en tales tarefas. Tal é o caso do Pontedeume.

pontedeume Hai unha lenda que di que a ponte sobre o río Eume foi feita por Satán soamente nunha noite. A historia conta que un rapaz chamado Ledán afogara no río, nunha noite de treboada, cando o atravesaba nadando para ir ver á súa moza. Ela, chamábase Minla e era filla dos condes de Andrade e tamén moi fermosa. Ó escoita-los berros de agonía de Ledán e dándose conta do que lle pasara, promete a súa alma ó diabo en troca que este construíse unha ponte para pode cruza-lo río e dese xeito ve-lo corpo do seu amado morto.

Lucifer aparéceselle e confirma que o fará... Entón, Minla impón unha condición : que a ponte ten que estar rematada antes de que cante o galo do curral dos Andrade, pois non desexaba que as xentes coñecesen a verdade. O demo comeza a construcción da ponte e cando o galo canta aínda lle falta construír un arco, pero o arco que falta non impide que Minla poida pasar á outra beira. Mais ó non cumprir exactamente o compromiso, o demo non pode posuír a alma da doncela" A etimoloxía lendaria tenta que aquela ponte foi chamada por tal acontecemento "Ponte do Demo", pasando posteriormente pola forma "Pontedemo" , ata chegar á actual "Pontedeume". Din que en lembranza deste acontecemento ergueron os Andrade a capela e o hospital de peregrinos.

Hai tamén outra versión da lenda que atribúe unha orixe diferente á devandita ponte" Segundo esta, unha fermosa e rica dona de Pontedeume cruzou nunha ocasión á outra beira do río. Cando ela quixo volver, o río crecera de tal maneira cá barca e os remeiros que nela ían desapareceran. A muller blasfemou en voz alta e naquel mesmo intre apareceu Lucifer na forma dun mozo garrido. Ofrécese a pasala á beira contraria, pero impondo unha condición : ela tiña que asinar co selo do seu anel un pergamiño que lle tendía.

Pontedeume Así o fixo a dona e ó instante, apareceu a ponte construida sobre o Eume. Ámbolos dous comezaron a pasar, mais ó chegaren xusto ó medio da ponte, o demo mostrou o documento que a muller asinara. Segundo este documento, ela entregaba a súa alma ó adversario, quen podería esixirlla cando lle petase. E naquel mesmo intre, era cando o demo llo esixía. A dona, asustada, invocou á virxe que a acudiu, fuxindo nese mesmo momento Satán.

Cóntase que en conmemoración e agradecemento foi erguida unha capela (hoxe inexistente) no centro da ponte.