A doniña cerva
Cervantes (Lugo)
O concello de Cervantes pertence á comarca dos Ancares, na provincia de Lugo. Ten
unha poboación dun pouco máis de 2.000 habitantes e limita con Navia de Suarna,
As Nogais, Pedrafita e Becerreá.
En Cervantes é onde se concentra a maioría das lendas dos Ancares. Neste municipio, segundo conta a tradición, e na localidade de Vilarello da Igrexa, puido ter a súa orixe Miguel de Cervantes Saavedra, autor do insigne "Don Quixote". Cervantes é un topónimo de raíz "cer", que significa "terra de cervos". A súa etimoloxía vinculado cun posible culto a este animal, está incluída, ademáis, no seu escudo.
Aquí, neste concello, atópase o Castelo de Doiras, que ten a súa propia lenda...
A DONIÑA CERVA
No castelo de Doiras moraba un cabaleiro de nome Froiaz, con dous fillos: Egas e
Aldara. O fillo doutro señor dun castelo veciño namorouse de Aldara. O seu amor
foi correspondido e, parecéndolle ben ós seus pais, o casamento anunciouse. Un
serán Aldara desapareceu do castelo. Pai e irmán, criados e escudeiros, mesmo o
seu namorado acompañado das súas xentes, foron na súa busca por montes e
bosques, por pallozas e casaríos... despois dalgúns días de buscas infructuosas,
deron por definitiva a perda de Aldara, maxinando que sería morta por algún
xabarín, algún urso ou devorada po-los lobos...
Un día Egas, estando de cazaría, albiscou unha fermosa cerva branca. Dun disparo único e certeiro rematou coa vida do animal, pero non se decatara de que era imposible levala ata o castelo polo seu peso excesivo (ou, se cadra, porque a neve dificultaba o transporte), así que cortou a pata dianteira da cerva (para sinalar que o animal lle pertencía, ou para poder mostrar un trofeo que dera conta da súa fazaña).
E cando foi amosarlle o seu pai
a pata da cerva , contándolle o seu éxito atinxindo, arrepiados, viron como, no
seu lugar o que Egas sacou da bolsa foi unha man; unha man fina, branca, suave;
unha man de doncela fidalga. E nun dos dedos daquela man relucía un fermoso anel de ouro
cunha pedra roiba. Pai e fillo lembraron que aquel era o anel da malfadada
Aldara...

Con ánimo dorido correron monte arriba, para o lugar onde Egas dera morte á cerva. Alí atoparon, tendido no chan, o cadáver de Aldara, á quen lle faltaba unha man...
Segundo o que di a lenda algún mouro debeu encanta-la en figura de cerva, e a morte encargouse de volve-la ó seu estado natural de doncela. Máis endexamais puido saberse a razón.
SUÁREZ GROBA, Mónica Beatriz. De Breviario enciclopédico, de Eladio Rodríguez Gónzalez