Os avisos da morte
Provincia de Lugo, orixe descoñecido

Un rapaz atopouse coa morte unha vez e fixéronse moi amigos. Entonces o rapaz díxolle á morte que, xa que eran amigo, que lle ía pedir un favor: que se podía avisar antes de ir por el, que así podería divertirse mellor. A morte prometeulle ó rapaz que así o faría. Despedíronse e pasaron moitos anos sen que o rapaz recibira ningún aviso da morte. Pero un día presentouse a morte diante do rapaz, que agora xa ía indo vello e díxolle que viña por el. O home, todo asustado, díxolle que iso non era o convenido, que quedara de avisa-lo con tempo e que éstas non eran palabras. A morte respostoulle:
— ¿Blanqueouche o pelo?
— Blanqueou —contestou o home.
— ¿Caéronche os dentes?
— Caeron.
— ¿Canráronseche as pernas?
— Cansaron.
— ¿Perdiches as forzas?
— Perdín.
— E logo, ¿que máis avisos querías?
VV. AA. 1972. Contos populares da provincia de Lugo, Centro de Estudios
Fingoy. Editorial Galaxia, Vigo (Pontevedra)