Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Roldán e as costureiras de puxares

Puxares. Vilanuide. Quiroga (Lugo)

Acabeda - Puxares

En tempos moi remotos, cando viñera Roldán a España, din que había en Vilanuide, do axuntamento de Quiroga, tres costureiras que vivían xuntas e soíñas elas tres nun outeiro algo apartado da población. E di a lenda que eran tres mozas moi ben feitas e goapas como hai ben poucas, e que Roldán, un día que as viu ó pasar no seu cabalo, foi tan gustante delas, que, de alí endiante, todo era vir a apresentarse ó pé da casa do outeiro, para poder ve-las e falarlles.

E din que tanto era o seu namoramento que chegou a faguerlles moita cirimonia e regalía, e hasta a vela-las polos camiños cando tiña ocasión.

Pero elas veña a fuxir e decir que non querían escoita-lo, pois creían que Roldán non viña con boas intenciós, e que o que il pensaba era rirse e burla-las. Pero il non se apuraba por tan pouco, e todas as tardes viña a cortexa-las e namora-las po-la porta, e Ave María, que ata pensaba de leva-las consigo ás Francias.

Entón elas, xa algo cansadas de ve-lo rondar a casa día tras día, unha tarde que viñan da súa aldea, que se chamaba Puxares, enfrontáronse con il, e dixéronlle que non se cansase máis en segui-las, que non había de conseguir nada, que non querían tratos con ningún francés, que se fose de alí para a súa terra e as deixara en paz dunha vez. Pero il nunca se daba por vencido, e porfiou que, se non se lle entregaban po-las boas, había de ser po-las malas, e aínda tivo atrevemento para preguntarlles cándo podía vir busca-las. E van elas e dícenlle:

Hemos de ir contigo ás Francias cando veña o río Xares por diante da nosa casa.

I eso llo dixeron elas porque pensaban que era cousa imposible que tal acontecera, que o río Xares —que hoxe é o Bibei— pasaba naquiles tempos por outro sitio moito máis pra diante.

Pero roldán, ó sentirlles decir aquelo, non perdeu os ánimos, todo o contrario, pois o caso é que, valéndose de non sei qué meigallo ou demo, foise po-la noite, e tornou sin máis nin máis o curso do río. E, aló po-la mañanciña, déronse de conta os veciños do que pasaba, e viñeron todos berrando mismo hasta a porta das tres mozas.

Costureiras de Puxares
vinde lavar as perniñas
ás augas do río Xares.

E elas despertaron, e tomaron moito medo ó ver o río po-la súa porta, e, con esto, sairon correndo como ánimas en pena, sin que as vise Roldán, que estaba agardando, e colleron por un atallo, e salváronse de ser presas po-los franceses ou po-los mismos veciños, e de ter que cumplir aquelo que tiñan prometido.

Entón fóronse a todo correr cara o val de Valdeorras, a seis ou sete kilómetros de Vilanuide. E os soldados viñéronlle coas novas da fuxida a Roldán, seu señor, que andaba todo contento no seu branco corcel.

Así que sentiu aquelo, botóu o "nombre del Padre", e foise a escape en seguimento delas, a canta presa lle deu o cabalo e moi enrabechado po-lo feito, que botaba el pola boca tantas chispas coma o cabalo polas ferraduras.

E mais elas puideron pasar o río, non se sabe se voando como meigas ou se coa axuda do diaño. E así Roldán quedóu nunha veira i elas na outra. E, para máis, o cabaleiro francés, dende a súa banda, non sabía que as tres costureiras seguían corre que te corre cara os poblados que alí había, no que hoxe se chama A Rúa.

E, busca de aquí, busca de alí, marchou só no seu cabalo branco, sin avista-las nunca, e pensando que xa as tería tragado o río, ata que, ó fin, chegou á altura de Valencia do Sil, e descubríunas ó lonxe, a uns tres kilómetros, e co río Sil po-lo medio.

Entón vai el, con tanta rabia como lle dera de ver fuxir aquilas condenadas costureiriñas, e que non lle foran de lei e faltaran á palabra dada, comenzou a esporear no seu corcel que daba xenio, e a arremina-lo pra saltar o río, e, de repente, ¡bumba!, o cabalo deu un brinco tan grandísimo que se plantou namais que a unhos cen metros das costureiras, de maneira que deixou para sempre na pedra as pegadas das ferraduras, que aínda hoxe se poden ver, mismo ó pé dun camiño que vai para a serra.

Logo, as costureiras, que se viron perdidas sin remedio ó ter xa case enriba delas a Roldán, bótanse ao chan e comenzan a chamar ao demo, e pedirlle que antes querían ser convertidas en mármores que verse conseguidas por Roldán. E o demo acodiu de contado, e nun periquete, volvéunas tres pedras coma tres cabezos nas barbas de Roldán, que daquela debeu de tolear para sempre.

I esas tres pedras aínda hoxe é día que se poden ver, anque están xa desgastadas po-las choivias, e tamén po-los rapaces que por alí andan a xogar e a gardar o gando.