Allariz (Ourense)
A festa do boi

Din as lendas que a corrida do Boi tivo a súa orixe nunha malfeitoria da colonia xudía que vivía na parte da vila que recibía o nome de Socastelo. Parece que os xudeus deran na teima de atrapalla-la celebración pacífica da procesión do Corpus, saíndo ó seu encontro cando as imaxes e o cortexo dos fieis se acercaba ó Socastelo, camiño da igrexa de Santo Estevo. Insultaban á xente, facían mofa das imaxes e dos símbolos relixiosos, metíanse cos curas e cos monagos, e todo remataba de mala maneira. Non se podía dicir que houbera mortos, pero feridos habíaos a eito.
Aquilo tíñase que gobernar, pero ningúen sabía como. Entón é cando aparece Xan de Arzúa, home de convicciós relixiosas, ó que lle molestaba profundamente o comportamento dos xudeus, por iso, e para pór fin a este, decidíu saír un ano ó lombo dun robusto touro enmaromado e suxeitado po-los seus criados que ían provistos de sacos con formigas e cinza para tirar á cara dos xudeus irrespetuosos, que ó ve-la actitude decidida deste home desistiron na súa.
En recordo deste acontecemento, tódo-los anos po-la festa do Corpus, corríase un touro enmaromado po-las rúas da vila, para o que Xan de Arzúa deixara parte do seu capital en terras, coas rendas pagábase o alugueiro do boi e dábase de beber ós mozos do sedeño. O Concello administraba os bens, sufragaba os gastos do boi e da festividade do Corpus.
¿Quén era Xan de Arzúa? ··· Xan de Arzúa non é máis ca un boneco de palla ou cartón, harmoniosamente vestido, que despóis de estar exposto ás miradas do público no balcón da Casa do Concello, é montado nun pesado boi que e percorre así, antes da saída da procesión de Corpus, tóda-las rúas da vila no medio do rebumbio, e animado bulir da xente, que non cesaba de encher a paus ó pobre animal e o seu xinete.
... Xan de Arzúa) era un home acostumado a que o seu nome soase entre risos e ledicia, e quixo que despois de morto acadase igual sorte. Cousa que conseguiu deixando parte dos seus bens e rendas ó pobo que fora teatro das súas ledicias, coa condición de que tódo-los anos, o día de Corpus, o sacaran a pasear en efixie ó lombo dun boi. Deixou sinalada a carreira que tiña que levar, o punto de onde tiña que saír, encargando do cumprimento exacto da súa festiva vontade á xustiza do pobo.
www.allariz.com