Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Nosa Señora do Corpiño

Santa Baia de Losón. Lalín (Pontevedra)

Nosa Señora do Corpiño

A tradición que quere explicar as orixes do santuario chegou ata nós con lixeiras variantes, relativas á data na que se produciu o acontecemento ou ó desenvolvemento dos geitos, pero todas elas coinciden no esencial do relato, que poderiamos resumir así:

Hai moito, moito tempo, vivía nun lugar do Monte do Carrio un piadoso ermitán que empregaba o seu tempo na oración, a penitencia e o fomento da devoción á Nai de Deus entre as xentes do contorno, que a el acudían en busca de consolo e alivio para os seus males.

O certo é que un día lle chegou a hora da morte ó noso ermitán, e os paisanos decidiron conservar o seu corpo —que se mantiña incorrupto— naquel mesmo lugar, que se iría convertendo pouco a pouco nun centro de peregrinación, coñecido dentro e fóra da comarca. Pero nesto chegou a mourería e os cristiáns, antes de abandonar as súas terras e as súas casas, decidiron agochar aquel corpo santo para evitar a súa profanación, e fixérono nunha especie de cova ou construcción en ruinas que había no lugar que hoxe ocupa o santuario.

Moitos anos máis tarde, cando xa foran expulsados os invasores, repoboábanse lentamente as terras abandonadas, non se sabe se con novas xentes ou po-los seus antigos propietarios, pero o certo é que ninguén se lembra xa do santo corpiño, que tiña a capela derrubada e cuberta po-la maleza. En descubri-lo estará o miragre.

un bo día, candos dous pequenos pastores estaban vixiando o gando no monte que ocupa hoxe o santuario, desencadeouse unha gran tormenta, con tronos e lóstregos, e ocorréuselles refuxiarse no interior daquelas ruinas. Nun momento víronse envoltos nunha misteriosa claridade, e puideron distinguir no medio daquela luz cegadora a figura da Virxe, co Neno Xesús no brazo esquerdo e un ramallete de flores na man dereita.

Os pequenos quedaron abraiados e contaron o sucedido ós pais, que acudiron na súa busca ó ver a tardanza en regresar á casa. Pero ninguén creu o seu relato, ata que as apariciós se repetiron en días sucesivos e toda a aldea puido comprobar que aquela claridade, en medio da que aparecía a Virxe, desprendíase dunha vella sepultura que asomaba entre a maleza, onde acabaron por descubrir o corpiño incorrupto do santo ermitán.

Só faltaba construir naque lugar unha ermida e poñe-la baixo a advocación de Nosa Señora do Corpiño, e esto foi o que fixeron a toda présa os veciños de Losón, mentres a noticia do miragre se estendía por toda a comarca.

 


DONSIÓN PEÑA, José. 2000. Nosa Señora de O Corpiño. Historia y leyenda, Artes Gráficas Alvarellos, Lalín, Pontevedra