O Castro Martiño
Santa Mariña do Rosal. O Rosal (Pontevedra)

Unha nena que andaba gardando as ovellas atopouse cunha señora que, ó seu lado, tiña un galiña con seis ou oito pitiños, que lle dixo:
— Vaite para a casa e pídelle a túa nai que che faga un pan sen sal. Se esto fai como cho pido, cando me entregues o corrolo esta galiña e estes poliños converteranse en ouro e será para ti.
A nena, medio asustada e sen perder tempo foi a súa casa e díxolle á nai que lle fixera un corrolo sen sal. Pero a nai preguntoulle para quen o quería, e díxolle que non lle fora con traballos nin toleadas, pois o pan sen sal sabe mal. A nena insistiu e a nai fíxose forte, ata que a nena tivo que dicirlle a verdade.
Entón, esa noite, a nai, que nese momento estaba amasando pan para a casa, da mesma masa fíxolle un corrolo, meteuno no forno e, tan pronto como estivo cocido, deullo á nena, que saíu correndo cara o lugar onde se encontraba aquela señora descoñecida.
Cando chegou ó lugar onde estaba aquel gran tesouro, díxolle a señora:
— Canto o sinto, botaches todo a perder; non fixeches o que che mandei.
E nese intre ela e mais o tesouro escaparon da vista da nena.
APARICIO CASADO, Buenaventura. 1999. Mouras, Serpientes, Tesoros y otros
encantos, Cadernos do seminario de Sargadelos, nº 80, Ediciós do Castro,
Sada, A Coruña